Mostrando entradas con la etiqueta profundizando. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta profundizando. Mostrar todas las entradas

lunes, 23 de febrero de 2015

Veña máis unha

Cambio de Hábitat / Habitat change | Hernán Piñera
Meses e meses sen escribir aquí, e escribindo pouco tamén noutros sitios. A reflexión non para, pero quizais diminúe. Hoxe quixen escribir e tiven a forza de abrir na xanela este vello blogue, o cal espero non abandonar nunca. No coche viña pensando en comezar cun "non sei se é o mundo o que está mal ou son eu" (era algo máis poético, pero non me lembro), e esa é a miña reflexión dos últimos meses.

A de hoxe non foi, nin de lonxe, a máis dura, mais foi unha máis. E xa estou canso de acabar confundido e de acabar xustificándome en cousas que me parecen contradicións. Intento pedir igualdade e respecto, pero igual son eu que non teño paciencia e son arisco, aínda que sempre me considerei moi boa persoa e afable. Pero claro, un só ve a palla no ollo alleo, e eu igual non son menos. Son unha persoa difícil de tratar e á que todo lle molesta? Dáslle a man á xente e cóllenche o brazo? Se es amable trátante de tonto? As novas xeracións veñen (vimos) parvas de todo?

Non sei, pero xa me canso de tantas cancións de guerra. Agora mesmo quixera pasar máis tempo só...

viernes, 22 de agosto de 2014

Canso (tamén físicamente), aínda que...

emotional supply
emotional supply | Clara Araujo
Hoxe volvinme cansar. Nin sequera o pop español máis mediocre me consegue animar. Os quilos dos últimos meses, o dedo escarallado, a vivenda non atopada... até a morte dun pobre animal que non chegaba ao ano e de preto de dous mil euros son algunhas das caras visibles deste verán apenas soleado e no que a diario me ergo canso (tamén físicamente). Se un se pon a pensar, son moitas as cousas malas... e a paciencia vai a menos co paso do tempo. Porén, hai que andar e loitar. Aínda que che perdan fermosos gorros, aínda que os tenis novos che fagan ferida no talón. Aínda que mañá (hoxe) debera ser un día moi feliz e aínda así un non quere que chegue; pf, ás veces penso debería deixar o meu lugar natal para min (quizais sería máis feliz... quizais non). Pero, oe, polo menos Ted coñeceu á nai dos seus fillos (aínda que chupara un spoiler como unha catedral sen querer nun maldito blog de internet). E agora que me acordo, tamén teño por fin unha maneira de conectar a guitarra ao ordenador (aínda que a guitarra siga facendo mala conexión co cable).

E o peor? Non sei se a culpa é miña ou non. En fin, que pase o tempo ho, que vaia indo; aínda que...

miércoles, 6 de agosto de 2014

Toda morte prematura é un asasinato

Só pido perdón polas veces que non me chega a paciencia ou o coñecemento.

sábado, 28 de junio de 2014

Saber vivir

A quen lle estraña xa? Non saber se imos no camiño adecuado é un problema case global. A intimidade ofrece esas dúbidas a miúdo e todo o mundo quere saber se entre tódalas opcións que hai escolleu a correcta. Ao mellor non hai opción correcta, hai varias válidas. Eu de pequeno pensaba que só había unha moza para min no mundo, e que eu era único para ela. Moito Disney... algo aprendín co tempo (aínda que siga tendo amor/odio á idea de concertar unha parella fixa e eterna tradicional). Pero para unha vez que non veño a falar de amor, non a vamos cagar.

Preciso gozar das cousas e deixar de impoñerme obrigas... así non desfruto. Malia dicir que todo me vai ben e é a hostia, que non é mentira. Pero son eu o meu principal inimigo. Prometo sacar tempo ter tempo para visitar aos avós (especialmente á avoa), para pasear e sentir a natureza, para aprender a coñecerme a min mesmo a través da música e para cumprir co meu 3º legado do tibu. Fóra o "teño que", dentro o "quero". Aire libre, ven a min.

viernes, 2 de mayo de 2014

Os da gasolineira

Iluminación Philips en la Gasolinera Shell
(Guadalajara) | Philips Communications

Ao pasar por diante da gasolineira vinos tras a fiestra do coche. Sempre están alí, incluso cando xa pechou. Observeinos distante, como se de ningunha forma puidese ser eu o que levaba aquela gorra, como se non tivésemos nacido no mesmo lugar. Envexeinos menos que noutras ocasións, porque son bastante feliz. O seu falar e rir despreocupado non me produciu moito incordio no meu interior: xa teño asumido que os camiños das nosas vidas foron moi distintos. Eles están aí, rindo e vacilando ata as 4 da mañá. E eu? Con estrés constante por non saber organizar o meu tempo. Lembro que os anos que compartín con algún deles foron os mellores, aínda que nunca deixasen de considerarme un mocoso e eu non acabara de confiarme tampouco.

A algúns coñézoos, a outros non. Algúns coñécenme e saúdanme educadamente, outros non. Decidín dedicarlles isto porque no fondo me gustaría estar alí con eles, despreocupado. Non comparto as súas afeccións en absoluto, aínda que algún cariño especial lle teño a certa música electrónica por conta deles. O que puiden ter sido... e non fun. A morriña do non vivido, como digo eu. Varios camiños dispares que fan que cada vez que regreso os envexe un pouquichiño e non me sinta de todo cómodo no lugar. Lugar que, sen dúbida, é o máis fermoso do mundo. Chova ou trone, éo. E logo din da morriña... como imos irnos a 7000 quilómetros se sen ter saído da provincia xa nos entra a lágrima fácil ao volver? Pero bueno, onte paseino menos mal que noutras ocasións, porque son bastante feliz.

miércoles, 16 de abril de 2014

Eu e as cancións (un proxecto de cantautor)



É tarde e estou lixeiramente agobiado dende hai unhas semanas e incluso meses. Estou repasando algúns dos temas que compuxen. Case todos son lentos, perfectos para unha noite máis de morriña. Hainos que me parecen realmente bos, pero non son obxectivo: coñezo a historia que hai detrás deses acordes e a canción queda relegada a ser un acceso directo ás lembranzas dos meus miolos. Probablemente é nas cancións onde máis sincero e máis mentireiro fun, ambas a un tempo, na miña vida. A maxia da arte, supoño.

Encántame ver e notar a evolución, o paso do tempo, contextualizar a creación das cancións na miña vida. Algunhas correspóndense con épocas moi felices, outras con épocas tristes. As máis recentes están desubicadas nese sentido. Iso si, pensaba que no que vai de 2014 non tivera tempo para min e acábome de sorprender con varios temas case completos. Outros, porén, levan xa varias versións dende que os escribín por primeira vez e aínda non cheguei ó estribillo. Déixoos para máis adiante.

Algún día amosarei algúns deles ó mundo. Outros nunca sairán de min e deste disco duro. No mellor dos casos, poderá velos (oílos) algunha boa amizade ante a que non me importe espir a miña alma. Porque canto mal, pero canto para min. Permítomo. Nas cancións máis vellas tiña voz de pito, mais quero crer que agora xa son un home feito e dereito (e iso que daquela xa conducía máis que o tractor, manda carallo). Pero, en fin, antes de ensinalas hai que ensaialas... facer ben as cousas. Cústame moito, non sei se chegarei a dar un concerto algún día. Pero gravarei un disco, iso si que non o dubido un pelo. E, polo de agora, terei dúas colaboracións de luxo. Ela e el nin me coñecen, pero estou seguro de que colaborarán gustosos. Malia todo, tocar cancións tristes gústame. Ponme ben contento, aínda que barruce e non sorría.

sábado, 25 de enero de 2014

Morriña

cielo empedrado
Cielo empedrado | POESÍA SALVAXE ferrol


Vaia morriña máis tonta, pf. Vendo a orla dunha coñecida, comecei a ler nomes de vilas e concellos do máis diverso, especialmente da miña provincia. Case sen darme conta, tiña as bágoas asomando, e un esbozo de sorriso nos beizos.

Manda carallo o que é botar de menos o que nunca tiveches, xa o comentei nalgunha ocasión. Parece mentira que os nomes de lugares nos que nunca estiveches poidan evocar historias e infancias tan diferentes á túa. Se me veu a morriña lendo nomes de pequenos concellos próximos ó meu lugar de nacemento foi, simplemente, por aquel imposible de "e como sería eu se non me tivese mudado á cidade ós 6 anos?". O que me fixo ser como son, quitoume tamén de ser como sería.


martes, 14 de enero de 2014

Adeus 2013 (14 días despois)

Con máis retraso que nunca dispóñome a escribir o memorando do 2013. Fágome cargo desta tardanza que non puiden/souben xestionar mellor e que me obriga a afrontar este repaso con menor obxectividade (14 días menos de obxectividade).

Se o 2012 foi grande, o 2013 foi mellor. Un ano máis maior, un ano máis maduro. Comecei a mediados do 2012 unha nova vida (temporal), que explotei totalmente no 2013. Despexei (obrigueime a despexar) dúbidas básicas sobre min mesmo e sobre o que pensaba. Ó final determinei que ofuscarme con un lugar non me levaría a ningures. Aceptei o destino que me tocou e, aínda con certa morriña do que non puido ser (algo que segue a removerme o interior cando me paro a pensalo), penso que é o mellor. Aprendín a ver o bo do que teño e dende ese momento foi todo moito máis fácil. Coñecín xente abraiante, e, aínda tendo os nosos máis e os nosos menos, confirmei novos amigos deses nos que confías plenamente. O único que podo dicir é que grazas por animarme a perder medos e por sacarme da casa. "Siempre seremos amigos!", como rezamos durante os últimos meses do 2013 a conta dun traballo que tivemos que facer. Pois iso.


sábado, 14 de diciembre de 2013

A soidade e a dificultade do sexo (e non, non falo da masturbación)

Soidade | Miguel Grandío

Había tempo que non quedaba só, comigo mesmo, requisito imprescindible para conversar comigo mesmo neste lugar. Había tempo, mais boteino de menos. Precisa (e preciosa) soidade, que me lembra ó pouco que coñezo de Lois Pereiro. Por momentos, gústame sentirme alguén misterioso e complexo, coma el. Cando estou só escribo, compoño, penso... boto en falta tocar as miñas cancións e soñar que o fago ben, e nun bar cultureta onde un grupiño de xente, moi educado, aplaude e mira con atención. Eu, tímido, alterno a vista entre o chan e eles, e sorrío mentres conto algunha anécdota que dea pé ó seguinte tema. Hai meses que non fago iso. Non quedarme só no fogar (calquera lugar onde nos sintamos seguros) é o que ten, corta as ás... a lo menos un chisco.

"Baila como si nadie te estuviera mirando", frase que lin preto do Anxo Carro, estadio lucense, e que me deixou marcado dende adolescente. Efectivamente, non son eu cando hai xente ó redor. Non son tan bo... nin tan cabrón. Non son tan guapo... nin tampouco tan feo. Non son tan listo... nin tampouco tan burro. Por iso, hai que saber gozar do estar só... aproveitar eses momentos e procurar non esquecelos, facerlles un oco. Eu, coma a maioría nesta tolemia de sociedade apurada, cada vez temos menos tempo para todo, pero paréceme que dar prioridade a algúns momentos de intimidade sería acertado. Preciso unhas vacacións comigo mesmo. Non porque non me gustase a compaña... é marabillosa. De feito, penso que nunca estiven tan (e tan ben) acompañado. Pero diso xa falarei máis polo miúdo cando toque resumir o meu ano.

Ía falar doutra cousa, pero co carallo da soidade xa tiven leria para largo, e esquecéuseme o outro. Pero acábome de acordar. Non teño gañas de ser explícito, e nin sequera sei que pensar. Pero sei que influíu moito en que recordase que teño este blog (o que significa que recordei que podo conversar e reflexionar aínda sen interlocutor): o sexo non é tan doado como parece. É un asunto moi complicado e moi importante, pero non o tratamos coma tal. É unha inxustiza para el e para nós.

E, outra cousa... quen carallo inventou iso de "el primer paso es reconocerlo"?! Aínda que o máis probable é que a culpa sexa nosa, por tomalo ó pé da letra. Se aceptades uns consellos (e espero que a lo menos ti si, eu do futuro), non metades esa frase na vosa filosofía. As pantasmas só existen se as cremos. Ninguén nos persegue escaleiras arriba (ou ó mellor si, pero o máis probable é que non, non?); se cremos que si o fan, será certo que o fan. Polo menos todo pasará case do mesmo xeito que se o fixeran: asustámonos, corremos, perdemos os nervios... e o mesmo para o demais. Non me gusta un carallo ese "se chove, que chova!" que nos vende o Gadis para o Nadal do 2013, pero ás veces ten que ser así. Probablemente escapar non faría máis que empeorar as cousas: o noso perseguidor enfureceríase, tropezariamos... eu que sei. Ou igual si, claro. Pero vaia, no caso que eu teño na cabeza (que non é o que relato), o mellor é ir tranquilos e con calma. Non ser inconscientes, pero tampouco adiantar o futuro. Insisto: o sexo non é tan doado.

Hoxe superei a teima de picar na icona de "Facebook" cando me sentei na pantalla, e grazas a iso púxenme a isto, que é moito máis reconfortante e útil (para min, vaia). Irei agora, claro. Pero polo menos rompo con dous meses sen escribirme. Gústasme, soidade. Non quero perderte.


...sigo precisando unhas vacacións.

jueves, 3 de octubre de 2013

Unha de obviedades...

Por que non me pode gustar?
Porque non me gusta...
Por que non lle podo gustar?
Porque non lle gusto*...




* Bueno... se dios quere, hase saber....

miércoles, 21 de agosto de 2013

Ódiasme, ódiome

Canto máis me odias, máis te quero.
Canto máis te quero, máis me odio.

viernes, 26 de abril de 2013

O poder dos medios na sociedade



[...] Las personas mayores son, para los medios, consumidores de medicinas, de pensiones y de otros recursos públicos. Los jóvenes parecen vivir en un permanente botellón menos cuando se agrupan para destrozar mobiliario urbano en medio de alguna manifestación, y los parados de más de 40 años son personas inadaptadas a un mundo tecnológico, por poner sólo algunos ejemplos. [...]
Javier Martín Nieto

miércoles, 6 de marzo de 2013

Descoñecida,

Gustaríame coñecerte na rúa, un día calquera, porque é cando agasallas a túa máis fermosa mirada: a sincera.

jueves, 17 de enero de 2013

Ti es quen fai soar as cordas

Abrollando | Flickr

Cantas cancións falan de ti, e cantas de outras. E nunca saberás cales che corresponden. Quizais, nin sequera cheges a escoitalas. Quizais, nunca saian fóra do meu cuarto e dunha guitarra. Sexa como sexa, grazas (ou maldita sexas) por ser o xermolo do que agroman algunhas das miñas cancións.

lunes, 31 de diciembre de 2012

Adeus, 2012


Adeus, 2012. Ano da miña segunda (e derradeira, quizais) maioría de idade. Como aquilo que din de que nos últimos 100 anos avanzamos máis que no resto da humanidade, isto é algo parecido. Parece mentira que só pasase un ano nestes últimos 12 meses. Vivín en tódolos sentidos posíbeis. A crise económica non foi máis que gasoil para o maxín e gasolina para o sangue. Rabia condensada en ideas que se achegan á madurez que nunca tiveron, e ideas que naceron da madurez que a rabia outorgou. Se hai un ano tiña claro de que estaba máis orgulloso do conseguido na vida, agora dubídoo. Esa é a demostración final de que foi un bo ano.

Son máis feliz do que o fun nunca, creo. Xa sabía que a felicidade se atopa nun, pero para chegar a ela deixei de lado as présas para pór en valor o camiño máis interesante. Aprendín que o medo se supera enfrontándose a el, inda que non sempre sexa fácil. Con tres collóns, como dicía o outro. A timidez non leva a ningures, pero é necesaria. Aprendín que a vida é fodida pero non lle din máis voltas. Ante a dor, respondo “Frío como una llave”. Antes os nervios alleos, respondo con tranquilidade. Ante os propios, como podo. “Sempre adiante”, é a única filosofía válida.

Tamén coñecín. Moito. Xente e lugares. Viaxar é incríbel e necesario. A soidade é preciosa en moitos momentos, pero as persoas tamén. O 2012 presentoume xente marabillosa que xamais esquecerei, ó igual que pailáns que xa non recordo. Queda o bo, xente que me ensinou a ser eu sen querer. Queda tamén xente que só fica comigo mentres durmo, pero que é suficiente.

Esta viaxe que leva o tren do azar no que montei hai 20 anos fará mañá unha nova parada non facultativa que rematará cun dos traxectos máis interesantes do que leva a viaxe. Ademais, foi coa mellor compaña e de grandes vistas. Espero que, a partir de agora, se alguén toma asento ó meu carón teña bo coidado cos soños que aí viaxan.

“Medrei, grazas a aquilo e a algo máis”

lunes, 6 de agosto de 2012

Cousas sen as que non saio da casa

Te doy mis recuerdos.
- A carteira
- As chaves
- O móbil
- A túa lembranza

sábado, 23 de junio de 2012

Culpable


Um gato chamado Branquinho

Tés medo de non encontrar ao verdadeiro culpable?
Claro, é moito máis fácil botarlle a culpa a outro. Pénsao. É culpa súa realmente?
 - Claro, por que non?
Tés razón. Todo encaixa. A primeira impresión é que si. Pois para que indagar máis? Total, todo é branco ou negro, iso é algo que se sabe en todas partes.
Ou será que tés medo? A escala de grises informática conta usualmente con 256 tons. Imaxínao, pasamos de un a dous centos de posibles culpables. Uf. Iso require analizar moitos factores. Demasiados. Mellor deixámolo para mañá, como todo o complicado.
Ben, polo menos distraícheste. Xa non estás enfadada, verdade? Entón qué importa quen é o culpable? Total, xa non estás doída. Abur.

...Regresou. De novo, a culpa non pode ser túa.
 - A ver, todo indica que é el, para que darlle máis voltas?
Mira a miña camiseta, ves as letras brancas? Vaiamos a un pub bailar, e disme de que cor son as letras despois baixo aquela estraña luz violeta.
Non é por mal, de verdade. É por ti. Pénsao, ao mellor o culpable nin sequera existe. Ao mellor o problema está na túa cabeza. E non, non te estou a chamar demente. Pénsao. Poida que a percepción subxectiva che xogue unha mala pasada. Pénsao (unha vez máis). Ti tés as rendas da túa vida, é ou non é? Porque se non é así, vai sendo hora de que as tomes. Deixa de lamentarte a fai algo por arranxalo.

Só necesitas de ti para ser feliz. A que esperas?

Deixémonos de poesía... a vida é puta por veces, e non hai que facerlle. Intentar levalo o mellor posible e punto. Forza a quen a necesite. De corazón.

Cumpre unha nota: Isto non é válido para calquera solución. Se che fai sentir un pouco mal, lembra que a limpeza é dura pero merece a pena. Se cha pela o que les, pasa.

viernes, 17 de febrero de 2012

Manifesto (anti)comunista

A miña vida non será moita cousa, pero é miña.

...Lo tengo todo teniendo nada...

lunes, 15 de noviembre de 2010

Manifesto

A xente foi creada para ser amada
As cousas foron creadas para ser utilizadas.
A razón pola cal o mundo está sumido no caos
é porque as cousas son amadas e a xente é utilizada.

sábado, 6 de noviembre de 2010

A vida (e as relacións)

A vida é coma un campo de batalla, aínda que nunca ten fin: É preciso loitar, pero ao fin e ao cabo imos morrer. Só intentaremos que o noso bando e as nosas crenzas perduren no tempo e sexan axudadas por nós.
O resto de persoas forman parte do exercito. Non todos son facilmente identificables no referente ao seu bando, e debemos procurar andar sempre atentos.

Irlanda 2010
Moitos dos nosos compañeiros caerán no camiño, perderémolos de vista, fallarannos en batallas clave e ata poida que nos toque loitar contra eles noutro tempo. Pero iso non debe debilitarnos.
Saímos coa batalla perdida e sen nada que perder, polo que toca ir a por todas. Isto non significa dálo todo por perdido ou esquecernos de que debemos preparar o futuro. Debemos ter coidado a cada paso que damos de non deixar pegadas nos prexudiquen máis adiante, e debemos procurar ser honestos e legais cos nosos compañeiros.
De tódolos xeitos, cada un ten a súa estratexia nunha batalla, pero eu penso que isto é máis ou menos así...