martes, 28 de noviembre de 2017

Frigsa nos sesenta e na actualidade

Nesta pequena ferramenta interactiva podemos comparar unha imaxe aérea do complexo do matadoiro de FRIGSA (Lugo) arredor dos anos 60 con outra do día de hoxe, onde o terreo é de titularidade municipal e é un parque e complexo deportivo público. A superposición non é perfecta, pero dá para facerse unha idea. Por certo, na foto da "actualidade" pódese ver o mercado que se monta no lugar os martes e venres á mañá :)



A foto da esquerda é un fotograma dun NODO (Filmoteca Española), mentres que a da dereita é tomada do Google Maps.

lunes, 9 de mayo de 2016

Contra a liberdade

Antes de bicarte (ou espirte, que foi simultáneo) era libre.
Agora non.

E non podo dicircho, porque collerías medo.
E volvería a selo.

lunes, 11 de enero de 2016

Re-nace o vello dicionario en liña de Ir Indo. O Digalego é capaz de mostrar e buscar pola equivalencia desa palabra noutra lingua, ten sinónimos, antónimos e variantes, e conta con algún detalle máis que axudarán ao correcto uso da lingua a quen queira usalo :)
Sumado a:
...pois temos un feixe de ferramentas para mellorar o uso da lingua no noso idioma :)
Procuren con moderación!
Imaxe e fonte da nova: GCiencia

sábado, 31 de octubre de 2015

Avelaíña inversa

A avelaíña ficou morta no teito do meu cuarto.
E eu sen tempo para enterrala.

viernes, 23 de octubre de 2015

Nanit, estúpidos

A Vaqueria | Feans

No canto de ir a menos,
eu sei dun que vai a máis
a escuridade axexa
e os bechos son mortais.

O medo é libre e libre é o home
o home libre non teme, se come.
Ou si?

Nanit, estúpidos.

jueves, 23 de abril de 2015

Hai uns 15, ímoslle chamar, "naseiros"


Hai uns 15, ímoslle chamar "naseiros", soaba esta canción (nunca, imposible) nunha especia de casa abandoada/alpendre cun alto ratio de cables por metro cadrado. Melodías morriñentas dun pasado non vivido (como me gusta xuntar ese substantivo con ese verbo) que fixeron que anos máis tarde eu baixase os domingos á tarde, pola rede, do monte. Sonche do monte, e sempre o serei, porque o máis probable é que non volva lembrar o contrasinal para borrar iso. Foi divertido e ilusionante. Moito, moito. Foi misterioso, secreto. En fin, que vos vou contar? Como isto, aínda que con moita máis inocencia. Se tivese tido os collóns necesarios, sabe deus que pasaría. Probablemente sería un becho raro, pero quizais tería unha moza dacolá. Novamente as pequenas grandes decisións, novamente o "efecto bolboreta".

Boa noite, colegas. Estou canso e aínda non rematei co que estaba.

lunes, 23 de febrero de 2015

Veña máis unha

Cambio de Hábitat / Habitat change | Hernán Piñera
Meses e meses sen escribir aquí, e escribindo pouco tamén noutros sitios. A reflexión non para, pero quizais diminúe. Hoxe quixen escribir e tiven a forza de abrir na xanela este vello blogue, o cal espero non abandonar nunca. No coche viña pensando en comezar cun "non sei se é o mundo o que está mal ou son eu" (era algo máis poético, pero non me lembro), e esa é a miña reflexión dos últimos meses.

A de hoxe non foi, nin de lonxe, a máis dura, mais foi unha máis. E xa estou canso de acabar confundido e de acabar xustificándome en cousas que me parecen contradicións. Intento pedir igualdade e respecto, pero igual son eu que non teño paciencia e son arisco, aínda que sempre me considerei moi boa persoa e afable. Pero claro, un só ve a palla no ollo alleo, e eu igual non son menos. Son unha persoa difícil de tratar e á que todo lle molesta? Dáslle a man á xente e cóllenche o brazo? Se es amable trátante de tonto? As novas xeracións veñen (vimos) parvas de todo?

Non sei, pero xa me canso de tantas cancións de guerra. Agora mesmo quixera pasar máis tempo só...

lunes, 8 de septiembre de 2014

Xente triste, cousas insignificantes

Pantasmas do capitalismo | Miguel Grandío
Unha de pensamentos positivos utilizando a lóxica. Partindo de que:

  1. Unha pena compartida só é media pena (como din Skarnio nesta canción)
  2. Na terra hai máis de 7.000 millóns de habitantes
E tendo en conta que o ser humano é egoísta por natureza, revisemos os nosos pensamentos negativos, eses que afondan en culparnos a nós mesmos ou en considerarnos amigos da mala fortuna. Sendo racionais, por pura estatística, ten que haber milleiros e milleiros de persoas cun problema semellante ao noso, e centos de miles de persoas con problemas peores. E tendo en conta tamén que o mundo existe dende hai un porrón de anos, iso quere dicir que chegaron a existir moooooitas, pero mooooooitas persoas, amais de bechos.

Pensemos agora nesa mala fortuna que tivemos e en que "todo me toca sempre a min". En serio? Ti cres? Non estamos tan mal como podiamos chegar a estar... aínda que chova. Demos graças polo que temos e pensemos que as cousas han ir a mellor. E, por suposto, poñamos o noso gran de area para acadalo: o sorriso. 

Ánimo.

viernes, 22 de agosto de 2014

Canso (tamén físicamente), aínda que...

emotional supply
emotional supply | Clara Araujo
Hoxe volvinme cansar. Nin sequera o pop español máis mediocre me consegue animar. Os quilos dos últimos meses, o dedo escarallado, a vivenda non atopada... até a morte dun pobre animal que non chegaba ao ano e de preto de dous mil euros son algunhas das caras visibles deste verán apenas soleado e no que a diario me ergo canso (tamén físicamente). Se un se pon a pensar, son moitas as cousas malas... e a paciencia vai a menos co paso do tempo. Porén, hai que andar e loitar. Aínda que che perdan fermosos gorros, aínda que os tenis novos che fagan ferida no talón. Aínda que mañá (hoxe) debera ser un día moi feliz e aínda así un non quere que chegue; pf, ás veces penso debería deixar o meu lugar natal para min (quizais sería máis feliz... quizais non). Pero, oe, polo menos Ted coñeceu á nai dos seus fillos (aínda que chupara un spoiler como unha catedral sen querer nun maldito blog de internet). E agora que me acordo, tamén teño por fin unha maneira de conectar a guitarra ao ordenador (aínda que a guitarra siga facendo mala conexión co cable).

E o peor? Non sei se a culpa é miña ou non. En fin, que pase o tempo ho, que vaia indo; aínda que...

miércoles, 6 de agosto de 2014

Toda morte prematura é un asasinato

Só pido perdón polas veces que non me chega a paciencia ou o coñecemento.