lunes, 8 de septiembre de 2014

Xente triste, cousas insignificantes

Pantasmas do capitalismo | Miguel Grandío
Unha de pensamentos positivos utilizando a lóxica. Partindo de que:

  1. Unha pena compartida só é media pena (como din Skarnio nesta canción)
  2. Na terra hai máis de 7.000 millóns de habitantes
E tendo en conta que o ser humano é egoísta por natureza, revisemos os nosos pensamentos negativos, eses que afondan en culparnos a nós mesmos ou en considerarnos amigos da mala fortuna. Sendo racionais, por pura estatística, ten que haber milleiros e milleiros de persoas cun problema semellante ao noso, e centos de miles de persoas con problemas peores. E tendo en conta tamén que o mundo existe dende hai un porrón de anos, iso quere dicir que chegaron a existir moooooitas, pero mooooooitas persoas, amais de bechos.

Pensemos agora nesa mala fortuna que tivemos e en que "todo me toca sempre a min". En serio? Ti cres? Non estamos tan mal como podiamos chegar a estar... aínda que chova. Demos graças polo que temos e pensemos que as cousas han ir a mellor. E, por suposto, poñamos o noso gran de area para acadalo: o sorriso. 

Ánimo.

viernes, 22 de agosto de 2014

Canso (tamén físicamente), aínda que...

emotional supply
emotional supply | Clara Araujo
Hoxe volvinme cansar. Nin sequera o pop español máis mediocre me consegue animar. Os quilos dos últimos meses, o dedo escarallado, a vivenda non atopada... até a morte dun pobre animal que non chegaba ao ano e de preto de dous mil euros son algunhas das caras visibles deste verán apenas soleado e no que a diario me ergo canso (tamén físicamente). Se un se pon a pensar, son moitas as cousas malas... e a paciencia vai a menos co paso do tempo. Porén, hai que andar e loitar. Aínda que che perdan fermosos gorros, aínda que os tenis novos che fagan ferida no talón. Aínda que mañá (hoxe) debera ser un día moi feliz e aínda así un non quere que chegue; pf, ás veces penso debería deixar o meu lugar natal para min (quizais sería máis feliz... quizais non). Pero, oe, polo menos Ted coñeceu á nai dos seus fillos (aínda que chupara un spoiler como unha catedral sen querer nun maldito blog de internet). E agora que me acordo, tamén teño por fin unha maneira de conectar a guitarra ao ordenador (aínda que a guitarra siga facendo mala conexión co cable).

E o peor? Non sei se a culpa é miña ou non. En fin, que pase o tempo ho, que vaia indo; aínda que...

miércoles, 6 de agosto de 2014

Toda morte prematura é un asasinato

Só pido perdón polas veces que non me chega a paciencia ou o coñecemento.

martes, 8 de julio de 2014

Os incencios forestais, a Xunta, un DVD perdido e a diglosia

- Hola, ¿es usted X?
- No
- Es su esposo
- No...
- ¿Es su hijo?
- Si
- ¿Es mayor de edad?
- Si... pe--
- ¿Cuál es su nombre?
- Miguel...
- Mire, le llamamos de la Xunta para hablar de los incendios forestales BLA BLA BLA ¿sabe usted que Galicia tiene más fuegos que Francia, Alemania y no sé qué más juntos?
- No
- ¿Y sabe que el 95% de los incencios son intencionados?
- Si...
- ¿Y por qué cree usted que pasa eso?
- Pois eu que sei... porque a xente non ten conciencia, supoño
- Claro, don Miguel, a xente non ten conciencia. Obviamente ni ti ni eu vamos plantar lume, pero a xente non ten conciencia disto. Por eso le estamos chamando para previr isto e informar, porque iso ven por falta de información. Que sepa usted que hai uns DVDs por tan só 9,95 que son sen ánimo de lucro, só se pagaría dereitos de autor y transporte que están muy bien. ¿Cuándo le viene ben que se lo entregue?
- É que non me interesa...
- Pero está muy bien, como te digo é gratuíto y sólo se cobran derechos de autor y envío. Pódelo ver con teus pais, con teus amigos...
- Xa, xa... xa coñezo algún traballo e outros datos...
- Entón non queres colaborar para evitar os incencios?
- No, no, gracias...
- Muy bien. Chao.
- Ala, bos días, sorte.

sábado, 28 de junio de 2014

Saber vivir

A quen lle estraña xa? Non saber se imos no camiño adecuado é un problema case global. A intimidade ofrece esas dúbidas a miúdo e todo o mundo quere saber se entre tódalas opcións que hai escolleu a correcta. Ao mellor non hai opción correcta, hai varias válidas. Eu de pequeno pensaba que só había unha moza para min no mundo, e que eu era único para ela. Moito Disney... algo aprendín co tempo (aínda que siga tendo amor/odio á idea de concertar unha parella fixa e eterna tradicional). Pero para unha vez que non veño a falar de amor, non a vamos cagar.

Preciso gozar das cousas e deixar de impoñerme obrigas... así non desfruto. Malia dicir que todo me vai ben e é a hostia, que non é mentira. Pero son eu o meu principal inimigo. Prometo sacar tempo ter tempo para visitar aos avós (especialmente á avoa), para pasear e sentir a natureza, para aprender a coñecerme a min mesmo a través da música e para cumprir co meu 3º legado do tibu. Fóra o "teño que", dentro o "quero". Aire libre, ven a min.

domingo, 8 de junio de 2014

Hai quen se parece a todos, tamén a ti

Esas cellas levantadas co sorriso... nena, nunca as poderei olvidar. Hai quen se parece a todos (tamén a ti), pero pintan os dedos doutra cor.

martes, 20 de mayo de 2014

Aldea galega

Covelo | Gabriel González
Tanto quixeches espremer a vida que case é a vida quen te espremeu a ti. Pero dentro de un mes... ai! Quen te verá! Será bo momento, quizais, para descubrir dunha vez por todas quen decide a túa vida? O importante ou o urxente? Ah, e lembra que prometiches á túa aldea que irías facerlle unhas cantas visitas (ás 3!). Que case seguro non se mova de alí, pero agora sabes que che pode dar máis do que despois serás quen de recordar. Aprovéitao, paspán.

viernes, 2 de mayo de 2014

Os da gasolineira

Iluminación Philips en la Gasolinera Shell
(Guadalajara) | Philips Communications

Ao pasar por diante da gasolineira vinos tras a fiestra do coche. Sempre están alí, incluso cando xa pechou. Observeinos distante, como se de ningunha forma puidese ser eu o que levaba aquela gorra, como se non tivésemos nacido no mesmo lugar. Envexeinos menos que noutras ocasións, porque son bastante feliz. O seu falar e rir despreocupado non me produciu moito incordio no meu interior: xa teño asumido que os camiños das nosas vidas foron moi distintos. Eles están aí, rindo e vacilando ata as 4 da mañá. E eu? Con estrés constante por non saber organizar o meu tempo. Lembro que os anos que compartín con algún deles foron os mellores, aínda que nunca deixasen de considerarme un mocoso e eu non acabara de confiarme tampouco.

A algúns coñézoos, a outros non. Algúns coñécenme e saúdanme educadamente, outros non. Decidín dedicarlles isto porque no fondo me gustaría estar alí con eles, despreocupado. Non comparto as súas afeccións en absoluto, aínda que algún cariño especial lle teño a certa música electrónica por conta deles. O que puiden ter sido... e non fun. A morriña do non vivido, como digo eu. Varios camiños dispares que fan que cada vez que regreso os envexe un pouquichiño e non me sinta de todo cómodo no lugar. Lugar que, sen dúbida, é o máis fermoso do mundo. Chova ou trone, éo. E logo din da morriña... como imos irnos a 7000 quilómetros se sen ter saído da provincia xa nos entra a lágrima fácil ao volver? Pero bueno, onte paseino menos mal que noutras ocasións, porque son bastante feliz.

miércoles, 16 de abril de 2014

Eu e as cancións (un proxecto de cantautor)



É tarde e estou lixeiramente agobiado dende hai unhas semanas e incluso meses. Estou repasando algúns dos temas que compuxen. Case todos son lentos, perfectos para unha noite máis de morriña. Hainos que me parecen realmente bos, pero non son obxectivo: coñezo a historia que hai detrás deses acordes e a canción queda relegada a ser un acceso directo ás lembranzas dos meus miolos. Probablemente é nas cancións onde máis sincero e máis mentireiro fun, ambas a un tempo, na miña vida. A maxia da arte, supoño.

Encántame ver e notar a evolución, o paso do tempo, contextualizar a creación das cancións na miña vida. Algunhas correspóndense con épocas moi felices, outras con épocas tristes. As máis recentes están desubicadas nese sentido. Iso si, pensaba que no que vai de 2014 non tivera tempo para min e acábome de sorprender con varios temas case completos. Outros, porén, levan xa varias versións dende que os escribín por primeira vez e aínda non cheguei ó estribillo. Déixoos para máis adiante.

Algún día amosarei algúns deles ó mundo. Outros nunca sairán de min e deste disco duro. No mellor dos casos, poderá velos (oílos) algunha boa amizade ante a que non me importe espir a miña alma. Porque canto mal, pero canto para min. Permítomo. Nas cancións máis vellas tiña voz de pito, mais quero crer que agora xa son un home feito e dereito (e iso que daquela xa conducía máis que o tractor, manda carallo). Pero, en fin, antes de ensinalas hai que ensaialas... facer ben as cousas. Cústame moito, non sei se chegarei a dar un concerto algún día. Pero gravarei un disco, iso si que non o dubido un pelo. E, polo de agora, terei dúas colaboracións de luxo. Ela e el nin me coñecen, pero estou seguro de que colaborarán gustosos. Malia todo, tocar cancións tristes gústame. Ponme ben contento, aínda que barruce e non sorría.

jueves, 3 de abril de 2014

A camiña e mais ela

Bedding
Bedding | Quinn Dombrowski

Contigo ó meu carón, a cama quédaseme pequena (dígoo de corazón)
Mágoa que moitas sexan tigo... ó igual que migo: non o dubido.

sábado, 1 de marzo de 2014

Piso compartido

bañera contax g1 | cheeseburguer720

O bote do champú aberto, a tapa do sal sen pechar;
sen sabelo, pouco a pouco, sementache-a tempestá.

lunes, 24 de febrero de 2014

Outra noite de morriña

...na que me apetecía escribir aquí máis non tiña nada que dicir. Morriña da azul e branca do mar, da verde e marrón da terra, da amarela da area e das claras e vellas estradas mal asfaltadas ("pistas", que lles chaman). De camiñar dende a carrALÍ ata valcACOLÁ con miña MAI e meus IRMAUS. Pf, isto si que é SER HUMANO. Marcho a deixar de selo un pouco mentres estudo. Ata cando volva a sentirme humano.

Se non vou a Bueu nun bou, non vou, nin inda que baixen buscarme os anxos. E para estimular ós sentidos a cumplir a súa función, proben con isto.

sábado, 25 de enero de 2014

Morriña

cielo empedrado
Cielo empedrado | POESÍA SALVAXE ferrol


Vaia morriña máis tonta, pf. Vendo a orla dunha coñecida, comecei a ler nomes de vilas e concellos do máis diverso, especialmente da miña provincia. Case sen darme conta, tiña as bágoas asomando, e un esbozo de sorriso nos beizos.

Manda carallo o que é botar de menos o que nunca tiveches, xa o comentei nalgunha ocasión. Parece mentira que os nomes de lugares nos que nunca estiveches poidan evocar historias e infancias tan diferentes á túa. Se me veu a morriña lendo nomes de pequenos concellos próximos ó meu lugar de nacemento foi, simplemente, por aquel imposible de "e como sería eu se non me tivese mudado á cidade ós 6 anos?". O que me fixo ser como son, quitoume tamén de ser como sería.


martes, 14 de enero de 2014

Adeus 2013 (14 días despois)

Con máis retraso que nunca dispóñome a escribir o memorando do 2013. Fágome cargo desta tardanza que non puiden/souben xestionar mellor e que me obriga a afrontar este repaso con menor obxectividade (14 días menos de obxectividade).

Se o 2012 foi grande, o 2013 foi mellor. Un ano máis maior, un ano máis maduro. Comecei a mediados do 2012 unha nova vida (temporal), que explotei totalmente no 2013. Despexei (obrigueime a despexar) dúbidas básicas sobre min mesmo e sobre o que pensaba. Ó final determinei que ofuscarme con un lugar non me levaría a ningures. Aceptei o destino que me tocou e, aínda con certa morriña do que non puido ser (algo que segue a removerme o interior cando me paro a pensalo), penso que é o mellor. Aprendín a ver o bo do que teño e dende ese momento foi todo moito máis fácil. Coñecín xente abraiante, e, aínda tendo os nosos máis e os nosos menos, confirmei novos amigos deses nos que confías plenamente. O único que podo dicir é que grazas por animarme a perder medos e por sacarme da casa. "Siempre seremos amigos!", como rezamos durante os últimos meses do 2013 a conta dun traballo que tivemos que facer. Pois iso.