martes, 31 de diciembre de 2013

Que pasen cosas


Pasaron cousas. E a historia ás veces repítese. Ela é el, el é ela. Non somos un, aínda que a momentos o pareza. Inda así, serán futuros bos recordos, asegúroche que merecerá a pena. E, se todo falla... unha pizca de rock'n'roll.

Llevamos ya más de un mes, yo tengo problemas
pero se hacen pequeños si estoy con ella.
Confiesa que no le van los rollos modernos.
Pero me advierte que no me crea que esto va en serio.
[...]
Acabaremos mal, pero eres tan hermosa
que aquí lo normal es que pasen cosas. 
Extracto de "Que pasen cosas", Rafa Pons 

sábado, 14 de diciembre de 2013

A soidade e a dificultade do sexo (e non, non falo da masturbación)

Soidade | Miguel Grandío

Había tempo que non quedaba só, comigo mesmo, requisito imprescindible para conversar comigo mesmo neste lugar. Había tempo, mais boteino de menos. Precisa (e preciosa) soidade, que me lembra ó pouco que coñezo de Lois Pereiro. Por momentos, gústame sentirme alguén misterioso e complexo, coma el. Cando estou só escribo, compoño, penso... boto en falta tocar as miñas cancións e soñar que o fago ben, e nun bar cultureta onde un grupiño de xente, moi educado, aplaude e mira con atención. Eu, tímido, alterno a vista entre o chan e eles, e sorrío mentres conto algunha anécdota que dea pé ó seguinte tema. Hai meses que non fago iso. Non quedarme só no fogar (calquera lugar onde nos sintamos seguros) é o que ten, corta as ás... a lo menos un chisco.

"Baila como si nadie te estuviera mirando", frase que lin preto do Anxo Carro, estadio lucense, e que me deixou marcado dende adolescente. Efectivamente, non son eu cando hai xente ó redor. Non son tan bo... nin tan cabrón. Non son tan guapo... nin tampouco tan feo. Non son tan listo... nin tampouco tan burro. Por iso, hai que saber gozar do estar só... aproveitar eses momentos e procurar non esquecelos, facerlles un oco. Eu, coma a maioría nesta tolemia de sociedade apurada, cada vez temos menos tempo para todo, pero paréceme que dar prioridade a algúns momentos de intimidade sería acertado. Preciso unhas vacacións comigo mesmo. Non porque non me gustase a compaña... é marabillosa. De feito, penso que nunca estiven tan (e tan ben) acompañado. Pero diso xa falarei máis polo miúdo cando toque resumir o meu ano.

Ía falar doutra cousa, pero co carallo da soidade xa tiven leria para largo, e esquecéuseme o outro. Pero acábome de acordar. Non teño gañas de ser explícito, e nin sequera sei que pensar. Pero sei que influíu moito en que recordase que teño este blog (o que significa que recordei que podo conversar e reflexionar aínda sen interlocutor): o sexo non é tan doado como parece. É un asunto moi complicado e moi importante, pero non o tratamos coma tal. É unha inxustiza para el e para nós.

E, outra cousa... quen carallo inventou iso de "el primer paso es reconocerlo"?! Aínda que o máis probable é que a culpa sexa nosa, por tomalo ó pé da letra. Se aceptades uns consellos (e espero que a lo menos ti si, eu do futuro), non metades esa frase na vosa filosofía. As pantasmas só existen se as cremos. Ninguén nos persegue escaleiras arriba (ou ó mellor si, pero o máis probable é que non, non?); se cremos que si o fan, será certo que o fan. Polo menos todo pasará case do mesmo xeito que se o fixeran: asustámonos, corremos, perdemos os nervios... e o mesmo para o demais. Non me gusta un carallo ese "se chove, que chova!" que nos vende o Gadis para o Nadal do 2013, pero ás veces ten que ser así. Probablemente escapar non faría máis que empeorar as cousas: o noso perseguidor enfureceríase, tropezariamos... eu que sei. Ou igual si, claro. Pero vaia, no caso que eu teño na cabeza (que non é o que relato), o mellor é ir tranquilos e con calma. Non ser inconscientes, pero tampouco adiantar o futuro. Insisto: o sexo non é tan doado.

Hoxe superei a teima de picar na icona de "Facebook" cando me sentei na pantalla, e grazas a iso púxenme a isto, que é moito máis reconfortante e útil (para min, vaia). Irei agora, claro. Pero polo menos rompo con dous meses sen escribirme. Gústasme, soidade. Non quero perderte.


...sigo precisando unhas vacacións.