miércoles, 16 de abril de 2014

Eu e as cancións (un proxecto de cantautor)



É tarde e estou lixeiramente agobiado dende hai unhas semanas e incluso meses. Estou repasando algúns dos temas que compuxen. Case todos son lentos, perfectos para unha noite máis de morriña. Hainos que me parecen realmente bos, pero non son obxectivo: coñezo a historia que hai detrás deses acordes e a canción queda relegada a ser un acceso directo ás lembranzas dos meus miolos. Probablemente é nas cancións onde máis sincero e máis mentireiro fun, ambas a un tempo, na miña vida. A maxia da arte, supoño.

Encántame ver e notar a evolución, o paso do tempo, contextualizar a creación das cancións na miña vida. Algunhas correspóndense con épocas moi felices, outras con épocas tristes. As máis recentes están desubicadas nese sentido. Iso si, pensaba que no que vai de 2014 non tivera tempo para min e acábome de sorprender con varios temas case completos. Outros, porén, levan xa varias versións dende que os escribín por primeira vez e aínda non cheguei ó estribillo. Déixoos para máis adiante.

Algún día amosarei algúns deles ó mundo. Outros nunca sairán de min e deste disco duro. No mellor dos casos, poderá velos (oílos) algunha boa amizade ante a que non me importe espir a miña alma. Porque canto mal, pero canto para min. Permítomo. Nas cancións máis vellas tiña voz de pito, mais quero crer que agora xa son un home feito e dereito (e iso que daquela xa conducía máis que o tractor, manda carallo). Pero, en fin, antes de ensinalas hai que ensaialas... facer ben as cousas. Cústame moito, non sei se chegarei a dar un concerto algún día. Pero gravarei un disco, iso si que non o dubido un pelo. E, polo de agora, terei dúas colaboracións de luxo. Ela e el nin me coñecen, pero estou seguro de que colaborarán gustosos. Malia todo, tocar cancións tristes gústame. Ponme ben contento, aínda que barruce e non sorría.

jueves, 3 de abril de 2014

A camiña e mais ela

Bedding
Bedding | Quinn Dombrowski

Contigo ó meu carón, a cama quédaseme pequena (dígoo de corazón)
Mágoa que moitas sexan tigo... ó igual que migo: non o dubido.