Alí estaba eu, inmobilizado, consciente de ter chegado a aquela situación por falta de previsión. Hai quen atribúe o refrán “xente nova e leña verde, todo é fume” a este tipo de cousas: actuar con rapidez, sen pensar. A miña situación non era sinxela, pero debía facer algo canto antes. É incrible a de cousas que se che pasan pola cabeza nese momento: só un par de horas antes era un home perfectamente libre, un rapaz máis nesta cidade. Porén, naquel momento, estaba nunha calella sen saída, nun labirinto do que é imposible saír con dignidade, facendo as cousas ben. Era máis consciente que nunca de que, malia non estar preso a onde estaba sentado, levantarme non era unha opción válida, as consecuencias poderían ser nefastas.
Pensei berrar, pero sería en van: a cavilla estaba botada por dentro, e é inútil intentar abrilo dende fóra. Ademais, non quería que, de haber alguén naquel antigo edificio, me visen en tan deplorable estado. Sei ben que é puro orgullo, pero o caso é que preferín quedar alí antes que perder a miña dignidade. E non me arrepinto. Se ledes isto é porque, grazas ó enxeño, logrei saír íntegro daquela situación. E é que tampouco se trabuca moito aqueloutra frase feita que fala de “ser máis listo que a fame”, posto que ata que non existe a verdadeira necesidade, a cabeza non rende ó 100%.
Como conseguir fuxín daquela endiañada situación é un segredo que levarei á tumba. Iso si, déixovos un consello: antes de ir cagar, comprobade que inda queda papel!!
![]() |
Papel | Daquella Manera |
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Deixa constancia do que está a atravesar os teus miolos :)