martes, 14 de enero de 2014

Adeus 2013 (14 días despois)

Con máis retraso que nunca dispóñome a escribir o memorando do 2013. Fágome cargo desta tardanza que non puiden/souben xestionar mellor e que me obriga a afrontar este repaso con menor obxectividade (14 días menos de obxectividade).

Se o 2012 foi grande, o 2013 foi mellor. Un ano máis maior, un ano máis maduro. Comecei a mediados do 2012 unha nova vida (temporal), que explotei totalmente no 2013. Despexei (obrigueime a despexar) dúbidas básicas sobre min mesmo e sobre o que pensaba. Ó final determinei que ofuscarme con un lugar non me levaría a ningures. Aceptei o destino que me tocou e, aínda con certa morriña do que non puido ser (algo que segue a removerme o interior cando me paro a pensalo), penso que é o mellor. Aprendín a ver o bo do que teño e dende ese momento foi todo moito máis fácil. Coñecín xente abraiante, e, aínda tendo os nosos máis e os nosos menos, confirmei novos amigos deses nos que confías plenamente. O único que podo dicir é que grazas por animarme a perder medos e por sacarme da casa. "Siempre seremos amigos!", como rezamos durante os últimos meses do 2013 a conta dun traballo que tivemos que facer. Pois iso.



Máis atrevemento e éxitos por todos lados. A sorte estivo en moitos casos do meu lado, aínda que eu tampouco lle deixei ser a guía do meu camiño. Moita constancia e traballo foron algunhas das guías de que no "profesional" siga sendo tan positivo coma sempre. As gañas de traballar non decaen e a creatividade segue a rebulir de cando en vez na testa. Só necesito un bolígrafo e un papel (ou, sendo máis realistas, un móbil ou un ordenador) para non deixala escapar. Sigo pecando do mesmo, pero conseguín moitas cousas que na vida me esperaría. E, sen querer, tamén gañei algún padriño. A ver, isto é o que me fastidia, ter padriño. Pero non sei... non é exactamente un padriño. É un amigo que, avatares da vida, serviu de nexo para que terceiros decidisen confiar en min. A amizade dese "padriño" gañeima entre cincuenta persoas máis (ó igual que el a miña, claro), polo que non me veu dada. O resto foi sorte. Así que... non sei, supoño que tampouco teño que sentirme mal, non?
Grazas a iso por fin cobrei polo meu traballo e grazas a iso desfrutei de noites memorables ó son de instrumentos de corta e boa comida. Case sempre con présa, iso si. Graciñas.

Non todo foi doce. Pasei un dos tragos máis amargos de miña vida, e tiven que soportar (e aínda teño) ver tambalearse a dos demais (parece que mentres os novos medramos, os vellos decrecen, e custa asumilo; outras veces son os non tan vellos os que non saben se decrecen ou medran, e iso case é o peor). Tiven un accidente que me obrigou a ser consciente da miña inconsciencia e que me demostrou a enorme responsabilidade dos meus actos. Non vos asustedes, só houbo danos materiais... e realmente non foi todo culpa miña. O curioso do caso demostroumo un terceiro imitándome (neste caso comigo de vítima) unha hora máis tarde. Esa noite durmín mal: polo de diante, por min, polos meus pais e por min outra vez. Iso si, a comprensión e o apoio dos demais foi fundamental para estar máis preparado para a vida. Continuamente penso que o estou, pero non.

No tocante ó amor, que é un dos meus temas favoritos, foi ecléctico, pero tamén contado. Nun mes abarquei máis que en dous anos e logo volvín ó mesmo de antes. Conseguín volver falar con unha das persoas máis especiales para min (sen que o saiba sequera) e foi moi reconfortante. Conseguín tamén crerme "namorado" (con comiñas moi necesarias) e traballar iso. Demostreime que "se quero, podo", aínda que tarde mooooito tempo. Realmente non aclarei nada, pero admirei a moitas. E pouco máis, nada do outro mundo...

Así que en resumidas, foi un bo ano: profesionalmente (e autorrealización), moi ben. Familia, amizades e contactos, ben.  E no amor, pois normal. Do diñeiro non falo, teño a inmensa sorte de non ter ningunha necesidade básica e de ter marxe para permitirme loitar polos meus soños con cabeza, así que todo o que podo facer é agradecerlle á vida iso e ser responsable de non malgastar un peso.

Seguirei neste camiño, aínda que por veces me entre a tristura... será cousa deste ceo gris, desta pequena ventana de patio de luces que non deixa chegar luz ao meu cuarto. Será a luz deste flexo que me acompaña dende hai anos. Seguirei escribindo cancións e intentarei xestionar mellor o meu tempo para poderme dedicar máis. Iso, sen dúbida foi o peor. Supoño que ten que ver con medrar. Pero non me gusta. "El tiempo, lo que no sobra nunca siempre es el tiempo"

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Deixa constancia do que está a atravesar os teus miolos :)