sábado, 25 de enero de 2014

Morriña

cielo empedrado
Cielo empedrado | POESÍA SALVAXE ferrol


Vaia morriña máis tonta, pf. Vendo a orla dunha coñecida, comecei a ler nomes de vilas e concellos do máis diverso, especialmente da miña provincia. Case sen darme conta, tiña as bágoas asomando, e un esbozo de sorriso nos beizos.

Manda carallo o que é botar de menos o que nunca tiveches, xa o comentei nalgunha ocasión. Parece mentira que os nomes de lugares nos que nunca estiveches poidan evocar historias e infancias tan diferentes á túa. Se me veu a morriña lendo nomes de pequenos concellos próximos ó meu lugar de nacemento foi, simplemente, por aquel imposible de "e como sería eu se non me tivese mudado á cidade ós 6 anos?". O que me fixo ser como son, quitoume tamén de ser como sería.



Comprendín (e comprendo, día a día) que a vida son decisións. E non mirar atrás... polo menos no sentido de arrepentirse, mais si pode facerse para aprender dos erros. E, nin erro, nin acerto, meus pais (mai) tiraron de min, coa mellor das intencións, cara unha cidade. De non ser por iso, nunca tería ido á universidade; téñoo claro. Probablemente non tocaría instrumento ningún, nin, e isto téñoo moi claro, valoraría tanto iso comunmente chamado "o noso": a lingua e a cultura propia deste recuncho do mundo. Mais as vantaxes serían outras: menos preocupacións, menos estrés e máis experiencias (ou, se non máis, máis naturais, máis bravas). Na cidade dinme "besta", e na aldea dinme "pijo"... en terra de ninguén, como tantos outros, imaxino. Mais este é o meu blog, así que me preocupo do meu.

Non podo (nin quero) cambiar quen son, pero un sempre tende a buscarse defectos e, inevitablemente, a preguntarse "e se...?". Pois ben, aínda que non son eu moi amigo de querer facelo, fágoo. E cando hoxe vin esa orla, fíxeno. E cando aínda por riba de ser de cerca, unha das vilas era de onde procede alguén a quen quixen bastante moito (máis que bastante, menos que moito a secas)... pois claro tiña que soltalo.

É absurdo seguir pensando nisto, porque é imposible volver a nacer. Pero, se teño un fillo algún día, procurarei darlle o mellor de ser un animal, mentres lle proporciono as vantaxes de ser moi racional e organizado.

Que quen son, construino con moito esforzo, e estou orgulloso da miña obra. Pero, quixen eu iso? Ou non me quedou outra que facelo? Sexa como sexa, aquí estou. E vou a por todas.

Por certo, hai algo máis mítico que as bandeirolas da imaxe? Eu mesmo as tiven nun aniversario cando era noviño. Gocen da morriña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Deixa constancia do que está a atravesar os teus miolos :)